jueves, 16 de abril de 2020

OS TÍTULOS DE CRÉDITO

Estes días de confinamento estou cansado de esbardallar e criticar, tanto por escrito como oralmente, as proxeccións das canles televisivas, debido a que, cinematograficamente falando, non emiten nada que mereza a pena de ver. Polo menos polas noites (e vexo tele ata as tres ou catro da madrugada). Todo o que botan, ou ben son trapalladas que algunhas incluso nin merecen este nome, que xa é dicir, ou ben repiten e repiten películas un día detrás doutro. Eu en concreto estou desesperado, xa que todas as noites é o único instante no que vexo a televisión e, por suposto, películas. Algunhas xa as vin ata oito ou nove veces.
A gran pena é que a única canle que me está gustando bote tan poucas e as que bota... tampouco son nada do outro mundo. Falo de DMAX (ex Discovery Max). É a única que proxecta todas as películas desde o primeiro ata o último fotograma. Ou sexa, que deixa ver todos os títulos de crédito finais! Para moitos, isto será unha parvada; pero a estes dígolles que se os viran e os leran enteiros, máis dunha vez atoparíanse con certas sorpresas; e non porque boten algunha escena máis ó rematar os créditos, senón polo descubrimento de datos moi interesantes: lugares de rodaxe, temas musicais que soaron durante o filme, etc. Que alguén vexa “O ano que vivimos perigosamente” e que se quede ós títulos de créditos, aínda que só sexa, ós dos intérpretes e verá que descubrimento fai. Nesa película caín na conta do que poden amosar e ensinar os títulos de crédito.

Finca Fierro. Xoves, 16 de abril de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario