domingo, 12 de abril de 2020

O ACORDEÓN DA FELICIDADE

Tiro a fouce e collo o fouciño para seguir polo camiño do tempo perdido. Tempo que se perdía entre toxeiras bravas e carballeiras bastas. Tempos de ir e volver. Tempos de non parar. Tempos de cando as nubes negras asomaban polo Outeiro do Corno e de cando o sol acougaba sobre os penedos de Barricobos. De cando un asubío tiña os seus significados e de cando a escuridade espremía a heroicidade de cada un. Non é o mesmo asubiarlle a un can que asubiarlle a alguén ou asubiar unha canción. Algúns tanguían as vacas moito máis cedo ca outros. Habíaos que chegaban á casa sen ver ben todos os animais que levara a pacer. Tempos de cando a diferenza de clases era abismal e de cando a vergonza che facía agachar a cabeza.
Tempos de xogar ó fútbol na Carballeira e ó marro ou ás chelas pola Aira da Igrexa. A portería eran dous carballos vellos e a pelota... a pelota o que se terzase; ou ben unha de trapos mal envoltos ou un bote medio esmagado. Tempos nos que unha eixada che facía pingar suor da cara e nos que unha gadaña che cravaba dores no peito. Tempos de miseria. Pero, aínda así, a felicidade facía de acordeón na vida dun neno; tan ben parolabas ante o mazadoiro da burga como cargabas un carro de esterco sen case poder co rastro, tan ben fumabas ás escondidas como improvisabas un xogo no medio da estrada. Eran tempos nos que os coches pasaban de Pascuas a Ramos e a diversión era a raíña do pouco tempo libre que se tiña. O acordeón da felicidade.

Finca Fierro. Domingo, 12 de abril de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario