Cando
noto que a carraxe ou que a tristura queren aniñar en min, penso nos
topos da posguerra e axiña se me pasa o esvaecemento.
Porque nós non temos dereito ás queixas.
O que temos é que tirar cara á adiante e sen mirar atrás. Porque
se miramos atrás temos que ver e sentir á forza a aquela xente
pechada nun buraco, nun pozo, nun par de metros cadrados, sen
comodidades e co medo prendido no corpo. Penso nas familias daqueles
que estarían encerrados no oco dunha escaleira ou nun recanto do
faiado porque,
aquelas, vivirían en tensión por medo a que se lles escapase algún
detalle, algunha frase, algunha palabra que os delatase.
Non nos queixemos, por favor, destes dous
meses nos que estaremos pechados con todas as comodidades do mundo.
Eles estiveron sen ordenadores, sen móbiles, sen libros (a maioría
eran analfabetos) e completamente sós. Aínda que estivesen debaixo
dunha escaleira ou cortello non se atrevían a falar coa familia por
medo a que alguén os escoitase desde fóra. Entendo
a situación dos nenos e dóeme na alma, con todo o que me gusta
velos xogar. Aquí ata son partidario de buscar un método, algo,
para que poidan saír a dar unha voltiña.
Pero nós, nós non podemos lamentarnos
destes dous meses de encerro.
Entendo que nos amole o asunto da
economía, demasiado grave por certo,
principalmente a eses autónomos que, á fin, moitos deles xa non se
erguerán nunca máis. Pero polo propio encerro en si, non temos
dereito a laiarnos.
A Sabina roubáronlle o mes de abril, e
que!... aí segue dando mecha. A nós róubannos dous meses e temos
que seguir porque hai que seguir. Temos que seguir aínda que só
sexa por esa xentiña que leva o mesmo tempo ca
nós ó pé do canón (de
maneira especial, o colectivo sanitario),
para aliviarnos esta situación, para salvarnos incluso. Boto
de menos o momento ese de saír a tomar un café e parolar un chisco
cos amigos. Estou canso de ler sentado na cama, con todo o que eu
gozaba lendo paseando. Pero aínda así, non me queixo. Como me vou
queixar, se no momento en que quero iniciar a queixa, zas, vénseme á
cabeza os topos da posguerra. De todas
formas, que remate axiña esta situación coa que nunca ninguén
pensou que chegaría. Que remate; polos nenos, por nós, por todos.
Finca
Fierro. Sábado, 18 de abril de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario