Xiro
a cintura e pego unha reviravolta para ver o que teño por diante. O
que teño por diante é un bicho que me quere comer. Semella un
dinosauro pero é coma un demo en tres dimensións. Leva forquita,
leva cornos e lume saíndolle polas orellas. Mírame de mala maneira.
Eu, para non ser menos, míroo con carraxe. Que vexa, que note que
non lle teño medo. Non lle teño medo. A proba é que eu avanzo
-amodiño, iso si- coa espada láser ameazándoo con espicharlle o
corazón. Como
non é parvo (o demo, recoñezámolo, nunca foi parvo; sempre fixo de
nós un pandeiro) retrocede catro pasos; e non polo medo á espada
láser, senón polo medo á miña determinación. A ver, cando a
carraxe me asoma ós ollos, sempre poño cara de ferreiro. E a miña
cara de ferreiro asusta, vaia se asusta. Cando
o vin retroceder, deixei asomar algo así coma un pequeniño sorriso
-para que el non se dese conta- e admito
que afrouxei
un chisco a presión sobre a espada láser. Eu ben sabía que me tiña
medo. El ben sabía que eu non lle tiña medo. Miroume de esguello.
Mireino de fronte. E díxenlle se quería loita. Cuspiu lume polas
orellas e fume pola boca. Seguiu retrocedendo catro pasos máis ante
a miña determinación. Eu, que queredes que vos diga, empezaba a
enchérseme o peito de orgullo, de
chularía.
Non é moco de pavo facer retroceder ó demo. Cando
o tiven acurralado contra a
fonte da aira
quixo espetarme a forquita, pero dun golpe coa miña espada láser
mandeilla ó inferno. Axeonllouse ante un servidor e pediume perdón.
O demo pediume perdón!
Finca
Fierro. Luns, 20 de abril de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario