sábado, 21 de mayo de 2022

ANDAR POR ANDAR

Agacheime para atar as zapatillas; esas zapatillas ás que agora lles chaman tenis. Eu ben sei o que é o tenis. Digo que me agachei porque se non me agacho, non lle chego ós cordóns. Xa coas zapatillas atadas, botei a andar. Andar, ás veces, non é fácil. Porque non sabes por onde ir ou por onde coller. Porque andas perdido. Porque andas nos biosbardos. Porque andas a velas vir. Porque andas a correr. Porque es como unha tartaruga (case prefiro sapoconcho).


Andar polo espazo sería máis ben flotar. Andar polas augas só o fixo ben Xesucristo. Que tío! Andar de paspán. Todos sabemos o que significa ser paspán; ou sexa, que nin anda. E que me decides de andar de capa caída? Repito: non é tan fácil andar.

Ás veces, ó andar, mesmo tropezas nun simple caxato (se uso guizo creo que é máis enxebre). Andar pola beira dos ríos é bonito, moi bonito. E hoxe aínda máis, a causa da canícula que está caendo. Precisamente andar ó sol, hoxe, é asfixiante, abafante. Mellor andar á sombra para evitar insolacións.

Andar á espreita dun sorriso vermello é romántico. Como é facer as beiras, que, no caso que nos ocupa, ben se pode dicir o de andar ás beiras. Como romántico é andar á procura de soños por entre os faiados da nostalxia. Certo, hoxe con esta canícula, non procede moito andar polos faiados. Nin tan sequera en soños. Así é que, case mellor vou facer o de andar por andar, que tampouco é que estea mal. Se me perdo ou tropezo ou afogo, erro meu.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 20 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario