miércoles, 11 de mayo de 2022

SON COMO SON

De camiño ó café escoitei, entre outras, a canción “Son como son”, dunha tal Edurne, que me fixo pensar en min mesmo. Quen son, a maiores do Chito da Lola? Como son eu? Son o detective oficial de Baños de Molgas e son de intenso coma o espía da burga do mesmo lugar. Son o astronauta que quere viaxar ó espazo sideral e o pirata que naufraga en alta mar. Son coma o heroe dos tempos que, no momento da verdade, síntome un cero á esquerda. Son coma un vagalume que me acendo cando me contemplo no espello... e non me vexo. Alí, polo medio do bafo, tan só alcanzo a axexar o verso prohibido e sentir o ritmo dun asubío.


Son coma o lobo que oulea polo bosque da nostalxia e como o xabaril que furga polas corredoiras dos Castros. Son coma o paspallás que voa e coma o silencio que mata. Por veces, o silencio mata máis có ruído. Son o sorriso aberto dunha foto e o bater de ás dun pombo. Como tamén son o libro que se abre e as pingas de orballo que caen.

Edurne é como é. Eu tamén son como son. O raio de sol que penetra polo faiado, a labazada metafórica cando a realidade senta ó meu lado e a banda sonora dunha morriña que non ten fin. Son coma o aspirante a cruzar unha lagoa sen mollarse e en silencio, e son tamén o bambán dun verso. Dese verso que cae sobre o poema da vida; esa na que o ruxerruxe da ansia vai e vén por entre os carreiros da memoria, da miña memoria. Son o silencio e o ruído, a algarabía e a calma, a proximidade e a distancia. Eu son eu.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 11 de maio de 2022

 

2 comentarios: