lunes, 16 de mayo de 2022

LUCERO RALLADO

O trono foi tan grande, deu tal estoupido que mesmo Lucero se asustou, cando, na realidade é un home que non se asusta tan facilmente. E iso que non é moita cousa. Incluso podo confesar aquí que non deu o talle para meterse no exército. Por iso de que é algo bravo (sempre o foi) quixo facerse militar porque lle tiraba aquilo de percorrer mundo e se por un casual podía bater algún inimigo, pois que mellor. Agora, o de non dar o talle, achácallo un pouco a que, de rapaz, durmía moitas veces no alto dunha artesa na palleira que tiña na vila, e pensa que iso encolleulle os ósos.


Lucero Rallado xa non vive na vila. Agora é home de cidade, de capital e anda polas rúas co peito algo botado para adiante. Repito: é algo bravo. Claro que ante esta personalidade súa, axiña os da súa vila o bautizaron cun alcume. Lembrade que por estas terras somos moi amigos de bautizar á xente, aínda que non sexan relixiosos. A Lucero chamábanlle (e chámanlle) O Macho.

Pois ben, Lucero Rallado, O Macho, era fillo da Dorinda, A Peseta, e de Filemón, O Dous Reás. Digo era porque os pobres dos seus pais xa hai anos que deixaron esta terra, cando aínda era un neno. Menos mal que alá un tío que tiña por parte de nai, Dionisio, O Peseto, botou man del e... non hai queixa; Lucero saíu algo bravo, pero, no fondo, bo rapaz.

Confeso sentir certa admiración por el. A mellor proba é que empecei dicindo que se asustara por un trono e pasei a falar do xato e esquecín o trato. A ver, asustouse do trono, pero como bravo que era, non recuou nin colleu paraugas. Botouse ó camiño para ir tomar un café ó outro lado da cidade, da capital.


Finca Fierro. Luns, 16 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario