jueves, 5 de mayo de 2022

O APURADO

Dionisio Diéguez, O Apurado, sentou na escaleira de pedra que sobe á Aira de Arriba de Baños de Molgas para contemplar o universo, o seu propio universo. Ese no que quere aboiar para non afogar, no que quere vivir para non morrer... de pena. Dionisio está triste, pero nin el mesmo sabe por que. Aínda que, máis que triste, semella melancólico. Porque ten unha forma especial de contemplar o seu propio universo: cun sorriso medio ladeado, medio aberto, medio feito.


Agora mesmo non lle fai honor ó alcume. Non se apura para nada, nin tan sequera para pestanexar. Está coa ollada perdida e remoendo no seu propio universo. Ese no que vai e vén na procura da súa estrela. Ou da súa galaxia. Ó mesmo tempo, cun simple guizo ou garabato, furga no musgo do chanzo e sen decatarse debuxa un corazón rachado por unha vea da pedra. Hai alegorías que van máis alá dun soño. Ou dunha realidade.

Dionisio Diéguez, O Apurado, non se apura en transmitir sensacións de facer algo. A súa melancolía consiste en buscar un anaco de felicidade polos confíns do universo, do seu universo. Deixa que o sol o amodorre para poder pechar os ollos e así ver mellor o reflexo dos seus sentimentos. Ou das súas miserias.

Dionisio, O Apurado, si se apura agora en erguer da escaleira para marchar, correndo, na procura do seu propio universo. Ese que o mantén melancólico. E aboiando. E soñando. E pensando. E medio sorrindo.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 4 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario