viernes, 27 de mayo de 2022

CAE CON FORZA

Cae, pero ben caída. Cae con forza, con ansia, con ganas. A canícula. Ás catro da tarde. Cae de tal maneira que nun cruce das rúas da Valenzá, no asfalto, vin como se asaban os paxariños e noutro cruce eran media ducia de ovos os que estaban formando unha tortilla. Unha tortilla francesa. Porque non había patacas para que fose española. Quenta tanto que, o sol, queima. Menos mal que eu, que non son parvo enteiro, estou á sombra. O de medio pampo tamén ten o seu aquel: a quen se lle ocorre saír da casa con esta canícula! Pois ós que temos medo de que se nos caia esta encima.


Claro que, aínda queda o peor: que hoxe toca andaina. Se a deixamos para moi tarde, bótase a cea enriba. Se a iniciamos dentro dun cacho, e por moita gorra que poñamos sobre as cabezas... Non obstante, confío en que o corpo aínda estea acostumado a aquelas lecturas que realizaba pola Pitediña, en Baños de Molgas. Pero tamén lle temo ó paso do tempo. Non é o mesmo andar baixo o sol de mozo que de vello.

A canícula é grande. As ansias son poucas. Pero os heroes estamos para rotos e descosidos. Botámoslle peito ó asunto e tiramos para adiante. E como se adoita dicir: que sexa o que Deus queira. Dá igual morrer dun tiro de escopeta ou dun sopro no corazón ou dunha insolación. Din que de algo hai que morrer. Pero cando non me entrou a Covid (que veña, que lle rillo as entrañas), menos me vai penetrar a canícula.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 27 de maio de 2022

 

2 comentarios:

  1. Ou sexa que:
    FAI UN SOL DE CARALLO..

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Efectivamente! O caso é que Fai un sol de carallo xa o usei moitas veces.

      Eliminar