martes, 31 de mayo de 2022

NA COVA

Sento nunha banqueta de tres pés de castiñeiro e dispóñome a cubrir unha solicitude catastral da cova na que vivo. Non tiña por que, pero ante todo, a legalidade. Sempre fun legal. E con Facenda moito máis. Non tiña por que debido a que é unha simple cova; pequena, de lobos, xusto para acubillarse.


A ver, eu vivía ben, incluso marabillosamente ben. Pero un día, tomando un café e sen parar mentes, díxenlle á miña propia persoa: hai que emigrar. Collín catro trebellos e marchei para un monte. Un monte que, a dicir verdade, non sei moi ben por onde cae. Sei que me botei a andar durante tres días para fuxir canto máis lonxe mellor. Perdón, usei mal o verbo fuxir. Non fuxín; foi a miña vontade. Penso que o fixen por quere saber como viven os ermitáns, os anacoretas. Repito: eu vivía moi ben.

Agora vivo só, nunha pequena cova, sen luz, sen auga, sen comodidades, sen teléfonos. Aínda que tivera estes, era igual; fixo que non hai cobertura. Polo día pateo todo o monte ó mesmo tempo que deixo trampas por aquí e por alá para cazar algo, porque de algo teño que vivir. Pola noite opto por durmir. Estou a recuperar todo aquel sono que teño atrasado –que é moito-, porque sempre durmín pouco e mal.

Intúo que os máis achegados me estarán buscando e non porque baixe ás aldeas para saber o que ocorre, senón porque cae de seu. Por iso non me deixo ver para que non me atopen, para que non me encontren. Estou moi ben só. Así teño a vara e a besta, ou sexa, fago e desfago á miña maneira.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 30 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario