lunes, 23 de mayo de 2022

EN PRINCIPIO, NON PASA NADA

Estou esperando a ver que pasa. Por agora non pasa nada. E o que é peor, que se pasara algo, aínda non sei como actuaría. Estou escondido dentro dun canastro da Aira de Arriba de Baños de Molgas. E non é por gusto. Resulta que os veciños desa zona (eu mesmo nacín nese barrio) pedíronme que, por un tempo, deixase de espiar na burga e trasladase as miñas dotes a esta aira. Porque alguén nos está a roubar os canastros. Así como o digo; os canastros enteiros.


Eu, como profesional que son (onte mesmo vin unha película de James Bond e, o pobre, que non intente compararse comigo), souben ó momento que o de alguén era erróneo, que máis ben sería uns cantos. Un canastro non se move así como así; son necesarias varias mans para cargalo e trasladalo.

Sigo esperando e segue sen pasar nada. Claro que aínda son as doce da noite e, presumindo de profesional, entendo e sei que os tipiños, no caso de actuar, farano moito máis tarde, máis cara á madrugada; aí sobre as catro ou cinco, cando os veciños estean co sono profundo. A verdade é que a espera faise aburrida. Nin tan sequera podo escoitar música, por aquilo de estar ollo ó piollo e con cen ollos. Se chegan quero saber a que me ater antes de que empecen a actuar. Se son moitos igual teño que recuar algo. Comigo só teño un fouciño e por moi rápido que sexa... Ata cinco tipiños sei que os domino. Máis deses cinco igual teño que berrar polos veciños. Pero mentres collen as fouces e fouciños... vai ti saber. Menos mal que, en principio, non pasa nada.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 23 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario