viernes, 13 de mayo de 2022

QUE MEDIA HORA!

Para a maioría da xente os luns será o peor día da semana, por aquilo de que teñen que traballar. Mesmo para os que estudan. Para algúns será o domingo, ou ben tamén polo traballo ou ben pola familia. Pola familia, si; porque sempre hai uns cantos que están mellor traballando que na súa propia casa. Eu mesmo (pero sen familia), cando me tirei case dez anos en Madrid; que como estaba só nunha triste pensión, desexaba estar cos compañeiros.


Cando empecei a traballar unha viña de case unha hectárea, os peores días da semana eran todos, incluso algún que outro domingo, e destacando por enriba de todos os sábados. Porque, claro, os demais días, quéirase que non, ó ser funcionario, empregaba o tempo noutros mesteres e aínda que, polas tardes, si, a viña reclamábame. Pero os sábados eran horribles porque xa era todo o día fochicando de gavia en gavia e de cepa en cepa.

Agora, os sábados, abandonada xa a viña e xubilado, son como un entretemento. Fochicando no terreo e tan só unhas dúas horas pola mañá; o suficiente para descargar o estrés, para matar o tempo.

Para este xubilado, agora mesmo, o peor día é o venres. E non o día enteiro. Simplemente media hora. Odio esta media hora! A de facer a compra. En vez de dicirlle á muller de ir ó súper xa lle digo de marchar ó monte Calvario. Porque iso si é unha auténtica crucifixión. Ábrenseme as entrañas e renace a úlcera. Mira e remira e volve mirar. Colle, solta e volve coller. Vai e vén e volve ir. Ese tempo nunca ten fin! Si, só media hora, pero... que media hora!


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 13 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario