domingo, 29 de mayo de 2022

UN RAMALLETE DE FLORES

Se antigamente Miguel Muñoz tiña unha flor no cu, na actualidade, o Real Madrid ten un ramallete. Cando empezou a temporada ninguén daba un céntimo de euro por el, nin tan sequera a maioría dos seus propios afeccionados, pero resulta que ganou a Liga con antelación e acaba de conseguir a súa décimo cuarta Liga de Campións, logo dunhas eliminatorias que, para algúns esaxerados, seica hai que estudar en Universidades. O estudo, para un servidor é fácil: teñen ese ramallete de flores nese sitio e, aínda que me doa, hoxe por hoxe, os dous mellores xogadores do mundo, como son Benzema e o porteiro, Courtois.


E ata aí vai o meu comentario sobre un equipo ó que, que queredes, xa hai moitos, moitos anos que non é santo da miña devoción (e entre parénteses recoñezo que fun un auténtico afeccionado fanático; o que pasa é que despois a razón asentou moi ben asentada na miña cabeza), polo que cambio as tornas e, aproveitando xa que logo o tema do fútbol, comento que rematada a temporada futbolística española, a min tan só me queda unha satisfacción, pero que é moi grande: o trofeo Zarra ó máximo goleador español, por cuarta vez, Iago Aspas. Iguala con isto a todo un David Villa, que foi campión do mundo. Catro anos marcando goles a darlle cun sacho e Luis Enrique segue esquecéndose del nas convocatorias da selección. A ver, agora mesmo creo que ten máis calidade que a maioría dos dianteiros que chamou. Agora ben, síntoo polo de Moaña, pero hai veces nas que case me alegro que o seleccionador non o chame. Polo menos así non corre o risco de lesionarse; que lle fai moita faltiña ó Celta.


E deixo o último parágrafo para acompañar con pena a todos eses nenos e ás súas familias nesa masacre acaecida nunha escola de Texas. Máis dunha vez, aquí, neste Recuncho, teño confesado que ós ianquis case lles está ben empregado, polo detalle ese das armas, de que calquera pode ter armas, pero ó ser nenos... a min, ó ser nenos, tócame moito as asaduras. Non obstante, xa vedes, seguen nas mesmas; ó seguinte día xa se falou dun mellor control deses aparellos que matan, mais axiña saltaron os que saltan sempre para pararlle os pés a tal idea. Ou sexa que, non queda outra que esperar a máis masacres. Porque as haberá. Pero oxalá que non sexa de nenos.



Finca Fierro. Sábado, 28 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario