viernes, 20 de mayo de 2022

BAIXO UN SOL ASASINO

Púxenme ó camiño baixo un sol asasino (escribín asasino para que rimara con camiño). Pero a min non me dobrega nada nin ninguén. E iso que xa non son o que era; porque o tempo pasa e todo cambia. O tempo pasou e de novo cheguei a vello, aínda que non me considero unha persoa maior. Certo que a miña cabeza traballa igual coma se tivera 20 ou 30 anos, pero, agora, o corpo xa non aguanta eses raios solares que axiña me revolven o estómago. Recordo aqueles tempos nos que, ás tres da tarde e baixo unha canícula que asustaba, andaba a ler pola estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres, máis ben polos traxectos da Pitediña ou de Entreloríos; en algunha ocasión esporádica subía deica a Chaira. E non é o mesmo andar a ritmo normal que andar mentres leo. A un ritmo normal é case como escapar do sol, como non deixar que o mesmo raio penetre no cerebro. Mentres que andando lentamente é como retar a ese raio que furgue e furgue nos miolos.


Hoxe en día, ás tres da tarde, ou ben estou aínda dando unha cabezada, é dicir, soñando; ou ben xa estou co ordenador preparando escritos ou fochicando polas redes sociais e a Internet. Hoxe, non obstante, axiña me puxen ó camiño baixo un sol asasino porque, ó mellor, á tardiña, igual realizamos algunha andaina desas longas e, entón, primeiro, quero facer outras cousas; como escribir este relato, como tomar un café mentres o escribo e como que teño que ir aínda á biblioteca a ler algún xornal máis. Que é o que vou facer tan axiña como escriba o punto final (escribín final para que rime con máis).


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 19 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario