domingo, 22 de mayo de 2022

O SAPOCONCHO E A NOVELA BARATA

Luz Casal quere deixar marchar a non sei quen nunha das súas cancións. Eu non deixo marchar ó sapoconcho que teño á miña beira. Ateino a un carballo das Mestras. Este logo se bota a correr e despois non hai quen o pille. Os sapoconchos queren ser como aqueles que se inventaron novelas baratas, pero que, precisamente por ser baratas, teñen erros. O erro da tartaruga é querer botarse a correr. A solución: unha boa corda ó pescozo ou unha pexa entre as patas. O erro do que inventa o que non é, débese quizais a que entende que a súa formulación ou imaxinación é perfecta. Pero non a é.


Coa tartaruga presa, bótolle, non obstante, unha ollada de cando en vez por se aquel. Igual rilla a corda e bota a correr. Ós cachos císcolle unhas pingas de auga sobre a coiraza para que pense que aínda está nas augas do río Arnoia. Tamén agora hai que disimular que se atoparon erros na novela barata. Ó mellor así, o que inventa, escribe unha segunda historia ou aumenta as mentiras da primeira. Non obstante, dunha maneira ou doutra, os erros están xa subliñados e destacan.

E así, mesturando a velocidade do sapoconcho coa invención imposible dun conto paupérrimo, pasa a tarde polas Mestras e cando canso de mirar de esguello á tartaruga, asubío a canción de Luz Casal e vexo como o aire que sae dos meus beizos abanea as follas dos carballos. E seguro que tamén pasa as páxinas nas que as mentiras da novela barata quedan subliñadas ou destacadas ou resaltadas.


Café A Pedreira. A Valenzá. Domingo, 22 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario