lunes, 30 de mayo de 2022

TODO É POSIBLE

Todo é posible. Que chova hoxe pola tardiña cando, agora mesmo, á media tarde, hai un sol de carallo. Mesmo é posible que Núñez Feijóo, o noso ex presidente, declare que “traer a colación gravacións de hai unha década...”, en referencia á corrupción do seu partido. Pero tamén é posible que lle diga que hai unha década eu traballaba e que millóns de españois traballaban mentres os do seu partido rapinaban por todos os recantos da nosa existencia.


Todo é posible. Que me esqueza de tomar o café que me puxeron porque collín con ansia e empeño a escritura do anterior parágrafo. Tamén é posible que en México, un país que non está en guerra, teña perdidas todas as batallas en cuestión de xente “desaparecida”, uns 100.000 ou máis. As desaparicións máis seguro que as haxa de todas as maneiras. Todo é posible.

Todo é posible. Incluso que algún medio de comunicación fale da impotencia política ianqui ante o “lobby” das armas. O da impotencia é un dicir, xa que precisamente os políticos son os que fan e desfán, ditan e ordenan; o que pasa é que a presión e moi grande e non interesa. Moito dólar é o que deixa a adquisición desas máquinas de matar. Pero esa impotencia carrexará aínda máis impotencia ante as futuras masacres que se levarán a cabo en certos recintos cheos de vítimas sen protección. Porque seguirán as masacres e seguirán botándose as mans á cabeza, mais a prohibición da armas nin mencionalo, eh. Todo é posible. Mesmo que remate e me vaia de onde estou. Remato e marcho.


Café Brétema. A Valenzá. Domingo, 29 de maio de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario