domingo, 30 de diciembre de 2012

E DIGO BAÑOS DE MOLGAS



              Un río que fai de funil ao chegar á vila e unha estación de ferrocarril que, agora, é un museo e, no futuro, será museo e recordos de cando o expreso facía parada para as xentes que entraban e saían. Eran recordos de cando Madrid quedaba moito máis alá da serra do San Mamede. Agora Madrid queda nun suspiro de automóbil. Digo Baños de Molgas. Unha torre que semella unha bravata, unha fanfurriñada de 30 metros cara ao ceo e unha burga que fumega auga quente da infancia. Digo Baños de Molgas. Unhas airas aptas para o marro e unha Ansuíña na que se bañan os sorrisos de toda unha nenez. Un monte Medo no que as mañás eran a mellor lareira das conversas e un monte de Pinouzos no que as tardes semellaban algarabías de vacas e rapaces. E digo Baños de Molgas, o meu soño, o meu recordo.

              Finca Fierro. Domingo, 30 de decembro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario