viernes, 14 de diciembre de 2012

VELENO NA PEL



              Os de Radio Futura din que “tes veleno na pel”. Cando oín isto quedei abraiado. Como poden coñecer a Emiliano Robles Machada? Teñen que referirse a el! Porque o meu veciño Emiliano ten veleno na pel. Por iso ninguén ousa tocarlle. Cando o vemos (e eu como non lle nego un saúdo a ninguén), berrámoslle xa desde lonxe. “Ai oh, Emiliano!, como che vai a vida?”. Moito non nos achegamos a el. Non vaia ser que nos queira chocar a man. E, quéirase ou non é un corte negarlle tal ofrecemento. Unha vez, un veciño de Xeado de Arriba chocoulla e aos dous días saíronlle unhas virulencias que o mandaron de seguida ao hospital. Lucanor Saias Pérez non morreu porque no hospital xa sabían do veleno da pel de Emiliano e tiñan o antídoto a man. “Carallo, aí vén!”. O Emiliano. Cruzo a rúa e fago que non o vexo. Non vaia ser o demo...

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 13 de decembro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario