Cada
vez que vexo nos xornais os anuncios publicitarios ou as novas sobre as
andainas que se realizan pola nosa terra e que cada vez son máis (creo que xa
non queda ningunha fin de semana libre no calendario), recoñezo que me entra un
chisco de envexa por non poder asistir a ningunha, por aquilo de que as fins de
semana as teño ocupadas, ou ben polos partidos dos rapaces ou ben, a maioría
das veces, polos traballos na viña. Non obstante, é nesta cando caio da burra…
por que quero realizar andainas cando, na realidade, lévoas a cabo dúas ou tres
veces por semana? Para que quero máis? Doulle tantas voltas á viña, trepexo tanto as gabias que,
sinceramente, gustaríame saber os quilómetros que ando cando dou o sulfato ou
cando mato as malas herbas con herbicida. E agora que chega a época de atar;
acabas nunha esquina da finca e xa tes que empezar polo outro recanto, porque
as ramas medran cada día un cacho, e un cacho máis. E volta a atar as que
medraron abondo. E volta a sulfatar porque xa pasaron dez ou unha ducia de días.
Nunca fixen ningunha andaina, pero sei seguro que canso máis dos pés unha tarde
atando que tres seguidas camiñando. Andar devagariño pola viña cansa moito máis
que andar a boa marcha por esas rutas programadas. Ou sexa, que participo en
andainas máis do que eu pensaba. Non podo entón cobizalas.
Café
Paco Paz de Ourense. Venres, 2 de maio de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario