lunes, 26 de mayo de 2014

POLO CAN DE PALLEIRO


              Can. Gato. Vaca. Boi. Can de palleiro. Palleiro de herba. Ou de palla. Arado de pau. Noite de inverno. Tarde de verán. Que din os que sementan no alto dun outeiro? Querer ser piorno cando se é xesta, é como beber un café con leite cunha palliña de plástico. Hai varias clases de palliñas: as de plástico, as de centeo, as da ferraia, incluso as sexuais. Pero este é outro cantar. Laverca. Lavandeira. Paspallás. Azulenta. Pega. Que aniñen na punta dun carballo ou a rentes do chan. Que máis dá! Caramelo. Anteollos. Birollo. Dozura. Cantos versos ten un soneto? Por que hai silencio na folla dun loureiro? Zoa o vento. Ferve a auga. E as campás de Baños de Molgas tocan por un can de palleiro que morreu na Aira de Arriba á beira dunha meda de centeo. Hai mortes que fan berrar a un morto e calar a un mudo. Hai ruído na tarde molguesa para que o silencio asome do outro lado da presa. Soltan as campás un laio longo, doloroso e eterno. Que baile o demo co rabo entre as pernas e que alguén rece polo pobre can de palleiro. Silencio.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.

              Mércores, 21 de maio de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario