martes, 27 de febrero de 2018

A SAGACIDADE DOS AXENTES MUNICIPAIS MOLGUESES

A policía nas películas (que é o mesmo que dicir en Estados Unidos) sempre chega tarde, sempre chega ó final da acción. En Baños de Molgas son máis agudos, máis espelidos. Dous axentes municipais desta vila, no mes de xullo de 1910, detiveron a un mozo de 20 anos, Benjamín Graña Borrajo, de Ramil Grande, no concello de Xunqueira de Espadanedo, a onde volvera logo de pasar un tempo en Portugal.
Os axentes, que eran listos como este molgués que escribe, sospeitaron del e levárono ante o sarxento-comandante da Garda Civil de Maceda, que o interrogou tan habilmente que, entre axusta e compón, entre tirapuxas, o tal individuo acabou declarando que lle dera morte a un home na mañá do 23 de xuño na cidade de Laguarda (Guarda), no veciño reino de Portugal. O moi pardal volvera para Xunqueira fuxindo da policía portuguesa. Mal pensaba el que se atoparía cos frechas, cos sagaces e raposeiros axentes municipais de Baños de Molgas. Estes non andaban con andrómenas de tanta película ianqui. Actuaron coma chispas. O sarxento, ó oír todo iso, non lle quedou outra que mandalo dereitiño ó xuíz municipal para que ingresase no cárcere. Ai logo!

Finca Fierro. Martes, 27 de febreiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario