Estamos nas datas apropiadas nas que
se perde un pouco a vergonza. A maioría. Xa que hai algúns que
aínda a teñen incluso para disfrazarse; non vaia ser que os
recoñezan. Pero é certo que no Entroido fanse cousas que nunca te
imaxinarías facer. Perdes por completo o pudor. Ata hai momentos nos
que te burlas de ti mesmo. Recoñezo que eu son deses algúns que non
me disfrazo... por vergonza. Pero tamén, o ano que o fixen e que fun
coa cara tapada pola Valenzá e por Baños de Molgas, desboqueime. E
alporiceime de tal forma que ata suaba coma un carneiro. Ese ano
perdín a vergonza toda. A ver, ninguén sabía quen era!. Foi aí
cando me din conta das cousas que se fan porque ninguén che vai
chamar a atención. Por iso me gustan bastante os carnavais. Porque,
de cando en vez, é bo desbocarse, tolear, botar eses pequenos demos
que levamos dentro, intentar emular o que nos gustaría ser,
burlarnos do veciño ou do amigo, incluso do familiar, revirar a
educación en escarnio, pero, iso si, con sentidiño, sen lle facer
mal a ninguén.
Non obstante, sigo pensando que coma
o Entroido de antes non hai. Era máis enxebre, máis auténtico,
máis puro, máis xenuíno, máis íntimo. Agora festexamos o
Entroido máis ben para a galería, máis en plan turístico, en plan
vendible, en plan publicitario. Agora a forza está nos desfiles. E
se non saes en algún medio de comunicación, principalmente a
televisión, xa non existe tal carnaval para ese aldea, vila ou
cidade. Os desfiles de agora eran antes os fareleiros, os
corredoiros, que se desenvolvían por todas as aldeas. Agora, estes,
acontecen no famoso triángulo ourensá, e para de contar. Aquel saír
da escola e esperar a que saíran as nenas para pintalas con aquel
carbón que había nas vías do ferrocarril... uuff, que gozada, que
risas, que carreiras. Ou cando lembro o Salvador de Nocelo baixando
coas súas chocas e eu acochándome detrás das pernas do pai, polo
medo que lle tiña a aquel felo. Aquel ir de porta en porta buscando
ás veciñas para botarlle os farelos ou para pintalas. Si, creo que
eran outros entroidos. De todas formas, hoxe, viva o Entroido!
No hay comentarios:
Publicar un comentario