domingo, 4 de febrero de 2018

O FRÍO

O frío métese polas corredoiras dun soño que, pouco a pouco, vólvese pesadelo. O frío case sempre che atrofia as ideas. Menos mal que coa música de Esbjörn Svensson Trío empezas a manexar os pés e a cabeza seguindo o ritmo dun sentimento eterno. A música sempre será eterna e vai moito máis alá que un sentimento, que moitos os sentimentos.
O frío escribe catro ringleiras que, se queres, lévante á neve por calquera carreiro que debuxes no teu pensamento. O frío está aí, penetra, fura nos ósos e desexas de corazón que o tempo pase, que axiña pase o inverno. Pero tamén é certo que, o frío, mata bichos que andan por aí soltos. E hai moitos bichos que andan ó seu albedrío. O frío vén cargado de saragana que cae, de saraiba que, algunhas veces, manca. E non valen as fogueiras que che quenten os pés, porque, por detrás, polas costas, o frío aguilloa a melancolía para que te poñas triste. Non obstante, sempre hai heroes que, a peito descuberto, tiran para adiante, para que a vida non se conxele nun simple momento. Hai que pensar que a vida, calquera vida abarca moito máis alá do inverno. Deixemos que o frío quede entón en silencio.

Finca Fierro. Domingo, 4 de febreiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario