jueves, 22 de febrero de 2018

NON COLLER NA CUNCHA

Nadia Rosende Sulfurosa tiña o sorriso nos beizos cando se sentou no mazadoiro da fonte da Aira da Igrexa. Os seus ollos brillaban de tal maneira que se apreciaba que o seu espírito non collía nunha cuncha. A razón: acababan de comunicarlle que a súa filla Ubalda sacara unhas notas excepcionais no colexio público de Baños de Molgas.
A súa filla cursaba primeiro de primaria. Orgullo de nai. Nadia Rosende Sulfurosa non collía na cuncha. Normal. Non todos os días che comunican novas boas. Novas das que presumir diante de Edelmira Suave Suave, que, por certo, de suave non tiña nada. Isto pensaba Nadia. Para esta, Edelmira era peor que un toxo arnal, tanto polo carácter como pola soberbia. Mais hoxe a nai de Ubalda non quería rosmar nada sobre a súa veciña, xa que cada vez que o facía agreábaselle o carácter. E hoxe non collía na cuncha. Así é que, en vez de pensar na palastrana da veciña, deixou que os seus ollos escrutasen os arredores da aira na busca da súa marabillosa e lista filla que estaba a piques de chegar do colexio; unhas veces subía polo Agro e outras pola rúa Manuel Santamarina. Seguiu esperando co sorriso nos beizos.

Finca Fierro. Xoves, 22 de febreiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario