martes, 6 de febrero de 2018

CANDO A CANSEIRA CHEGA

Cando a canseira chega, non queda outra que esperala cos brazos caídos. Como para esperala cos brazos abertos! Pero aínda así, cos brazos caídos, notas como se apoltrona nas asaduras dun espazo cheo de optimismo que xa non é tal. Cando a lasitude chega, non tes ganas de facer nada; nin tan sequera de tomar un café, nin de ler como se debería ler un xornal (coa fatiga les a metade dos titulares, das letras grandes e esquéceste xa dos subtítulos), moito menos de andar e ata incluso se che van as ganas de cear.
Agora mesmo, escribo por escribir; coa cabeza apoiada sobre a man dereita e pensando no calvario de ter que encher un parágrafo porque hai que cumprir. Menos mal que, coma sempre, a música alivia ou mitiga aqueles estados de ánimo que te queren levar polos carreiros do desacougo, do pesimismo. Pero non é pesimismo. É simplemente un cansazo que se apodera das vísceras e che fai doer todas as partículas musculares esparexidas por este pobre corpo que empeza a devecer pola nugalla. Que bonita é a nugalla cando estás fundido! Cando a canseira chega, nin tan sequera o asubío dun sentimento te mete na canción dun razoamento. Non razoas. Non pensas. Non sentes. Quedas quieto e en silencio.

Finca Fierro. Martes, 6 de febreiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario