jueves, 15 de febrero de 2018

QUE O TEMPO SE FAGA SILENCIO

Non lle teñas medo ó ruído que pode facer un escornabois cando cruza a carreira da Lama. Nin tan sequera asubíes co ritmo que leva o merlo por entre as toxeiras da Rabaxoá. Non lle teñas medo a nada. A besta que ten medo mete o rabo entre as pernas e fuxe polos carreiros daqueles tempos que foron. Agora os tempos son outros.
Agora os camiños están asfaltados e os recordos mestúranse como enredadeiras que soben polas paredes dunha casa vella, dunha que está caendo por abandono. Como abandono hai na memoria cando o tempo pasa e o ruído que foi xa nin abanea, nin arrola ó silencio. Non lle teñas medo ós recordos. Pero quen se acorda xa daquelas agachadas pola Aira do Medio ou daquelas apuradas pola Aira da Maquieira. O tempo pasa e o ruído é un completo silencio. Porque un soño que se deita nun palleiro de palla da Aira do Pombal pasa pola vida en silencio cando a realidade nos leva polas corredoiras das Costelas. A realidade, hoxe, é a que é. E os soños xa non son os sentimentos enxebres que vivían en nós. Agora... agora tan só fai fume a casa que vive nunha señardade inmortal, eterna. E que o tempo se faga silencio.

Finca Fierro. Mércores, 14 de febreiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario