sábado, 17 de febrero de 2018

CON MÚSICA E CO ORDENADOR

Loito contra a dor das costas. E dos brazos. Loito contra o cansazo que está en min. Loito con música e co ordenador. Para plasmar sobre el ideas, pensamentos, esbozos, parvadas, nostalxias e o que caia. Agora mesmo dáseme polo rap escoitando “Mandrágora”, de VKR. Pero hai un cacho bailou sobre os meus oídos o “Conquest of Paradise”, de Vangelis. E despois desta eran Xil Ríos e Juan Pardo cantando aquilo de “Xirarei”.
Xirar xiran os meus lamentos, os meus queixumes, os meus latexos medio amorfos e moi doridos. Hai traballos que te deixan deslombado e baldado. Nin tiven ganas de ler a fondo o xornal e moito menos de ver o Alavés-Deportivo. Cama e lectura. E ó poñerme a ler, uff, íaseme a vida. Pero hai que aguantar coma os heroes. Como aguantarei ós EPMD co seu álbum “Strictly Business”. Como se ve, escoito de todo. É que me gusta a música, en xeral, e o jazz, en particular. As bandas sonoras xa son tema á parte. Hoxe ata pode que non toque nada de jazz. Teño os meus métodos para escoitar música cando estou co ordenador; as miñas rutas, os meus listados. Se non fora por isto, estaría escoitando sempre as mesmas bandas sonoras ou as mesmas cancións. Hai que escoitar algo de todo.

Finca Fierro. Sábado, 17 de febreiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario