Todos
os sábados toca ir á aldea da muller. Fomos. Pero como o tempo
climatolóxico non axudaba para facer algo útil, non quedou outra
que ir ós cogomelos.
Para matar o outro tempo. Así
é que, aínda chovendo un pouco, collemos con dirección cara ás
Veigas e cara ó Val. Todo por entre piñeiros. Axiña apareceu o
primeiro boleto. E se buscabamos por entre as carqueixas, os boletos
asomaban a moreas. En non todos os lugares había carqueixas. Pero
foron suficientes
aqueles nos que as había
para encher axiña dúas cestas de cogomelos.
A mal tempo, boa colleita. Claro que, de xeonllos para abaixo
puxémonos coma pitos. Marchamos para a
casa con dúas cestas de boletos e uns dez níscaros, os primeiros
que colliamos este ano. Pola tarde, a miña muller non respectou o
slogan ese de que a sesta é algo sagrado
no noso país, xa que
logo de xantar, non tardou en escaravellar
sobre a miña orella para saír a dar outra
volta. O que significaba, máis setas. E
non houbo maneira; tanto me aburriu que non quedou outra que erguer
da cama. Menos mal que xa dera eu unhas
boas cabezadas. Fomos e
pillamos outra cesta máis, agora xa con bastantes máis níscaros.
En total, tres cestas. Xa temos con que
acompañar as comidas durante uns días. A
mal tempo, boa colleita.
Finca
Fierro. Sábado, 10 de novembro de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario