domingo, 11 de noviembre de 2018

AS IDIOTECES

Sento por segunda vez ante o ordenador porque aínda é cedo para marchar á cama, e a pesar de que xa pasa das doce e media da noite. Ós sábados, quéirase que non, un marcha para o leito un chisco máis tarde. Mañá non hai que madrugar. Entón sento por segunda vez para contar que o universo é infinito e o meu pensamento non sei se é plano ou curvo, se é longo ou curto. Máis ben longo... porque penso moito e durante moito tempo. Tamén podo contar que o jazz de John Coltrane a estas horas e como para dicir que oxalá o seu tema non remate nunca.
E que tal se digo que o ronsel dun avión é como a pegada que deixamos cando esbardallamos de máis. Claro que a algúns non nos preocupa barallar ou baduar e deixar testemuño. Hai outros que acochan debaixo dunha cónchega, pero... que lentitude ser tartaruga. Sentei ante o ordenador para pregar polas almas dos que van e veñen por esas novelas baratas que teñen moitas palabras pero que non din nada. E hai unhas cantas. Co bonito que é declamar un poema mirando cara á lúa vella. Nesta fase, a propia lúa, xa é poesía. Sentei ante o ordenador para dicir o que acabo de dicir e.. adeus, moi boas. Así de simple se escriben ás veces as idioteces.

Finca Fierro. Sábado, 10 de novembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario