jueves, 1 de noviembre de 2018

DOUS DISPAROS DE ESCOPETA

Ás veces querer ser galo do curral trae malas consecuencias. Pola fanfurriña, por alardear tamén se mata. Desde que o mundo e mundo. Tamén no mes de febreiro de 1920. Cando se estaba celebrando unha romaría en Busteliño, no concello de Xunqueira de Ambía, á que concorrían os mozos de varios pobos e cando maior era a animación, xurdiu unha disputa entre dous mozos.
A regueifa versaba sobre o orgullo de cal tería máis títulos (de estupidez, imaxino) para conquistar o amor dunha aldeá que, ós dous, seica lles daba esperanzas, lles daba ás. Axiña se formaron dous bandos, poñéndose os mozos á beira de cada un dos contendentes. E da discusión violenta pasouse, como adoitaba suceder naqueles tempos nas aldeas, a unha liorta que acabou dunha maneira ben dolorosa e lamentable. Un tal Darío, O Garopiño, realizou dous disparos de escopeta contra Jovino Boo Núñez, que caeu fulminado instantaneamente. O asasino fuxiu ó instante e pénsase que se dirixiu ós portos de Vigo ou A Coruña para saltar o gran charco, aínda que a Garda Civil xa estaba avisada. O Garopiño tiña 24 anos e era natural de Guamil, mentres que Jovino Boo, a vítima, tiña dous máis e era de Froufe, ambas aldeas do concello de Baños de Molgas.

Finca Fierro. Xoves, 1 de novembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario