sábado, 3 de noviembre de 2018

UN ESPAZO EN BRANCO

Xa estou preparado para dicir que o universo é infinito e que máis alá do infinito está un verso divino. Un verso que non ten fin. A finalidade dunha canción está en que ti a escoites e digas se che gustou ou non. Presuntamente. Un libro de poemas é como a historia divina dun amor que se descarreirou, ou dun amor que nunca asomou entre verso e verso. Hai versos que son para cantar e hai versos que son para memorizar. Certo que hai algúns lectores de poemas ou incluso escritores de poesía que non teñen memoria.
A memoria ás veces é moi traidora. Pensas que tes aquel dato metido no recanto da realidade e cando o buscas, tan só te atopas co silencio e un espazo en branco. Xa estou preparado para dicir que a lúa me sorrí e que me chisca o ollo esquerdo. Xa quixeran algúns estar namorados da lúa como estou eu! Xa quixeran algúns notar bolboretas na barriga e sapoconchos correndo ó teu arredor! Tan só a canción, que che gustou ou non, fai bailar a un recordo que, este si, tiñas na memoria. A cuestión agora é saber se o recordo é bo ou non. Porque hai recordos que é mellor esquecelos para sempre. Porque hai recordos que están aí, precisamente aí, para recordalos.

Finca Fierro. Sábado, 3 de novembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario