domingo, 18 de noviembre de 2018

FOTO PARA O PASMO

Cando os días de outono están claros, entre as sete e media e as oito menos cuarto da mañá, tanto Alán como un servidor vemos tal espectáculo sobre o ceo da serra de San Mamede que nos nos queda outra que falar del. E falamos sobre os ronseis que deixan os avións por entre o azul do ceo. Co paso do tempo deberon aumentar as viaxes das liñas aeronáuticas porque eu, durante os máis de 20 anos que levo circulando pola estrada de Paderne de Allariz e chegando á altura de A Piúca, sempre vía, como moito, tres ou catro avións cruzando, fendendo o ceo da contorna.
Digo que deberon aumentar as viaxes porque o fillo e eu chegamos a ver ata nove aeronaves que deixaban un auténtico espectáculo de camiños ou de estradas de condensación. Unhas cruzándose coas outras. Unhas paralelas ás outras. Unhas tan achegados ás outras. Así todas esas mañás claras de outono. Certo que nove ronseis xuntos só vimos unha mañá. As demais: sete, oito; o dobre de hai uns anos, cando eu viaxaba só camiño do traballo. Subindo cara á A Piúca xa se empezan a ver as primeiras pistas, pero é ó chegar ó alto desta aldea cando xa o espazo se abre e asoman todos os ronseis, deixando unha foto para o pasmo e para o recordo.

Finca Fierro. Domingo, 18 de novembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario