domingo, 11 de noviembre de 2018

MEDO A QUE...

Medo a que o murmurio entre pola porta medio aberta dun corazón cheo de alento. Medo a que o silencio non se vaia nunca dunha tarde de domingo, onde a vida quere deitar sobre as ondas dun océano para que a leven ante un sorriso divino. O tempo, a distancia, os sentimentos, os latexos aboian para non afogar. Medo a que na diferenza de horario se perda o desexo dunha mensaxe, dun alento, dun entendemento. Hai entendementos que viaxan por entre as estrelas do universo e acougan baixo as sombras dunhas silveiras.
Medo a que o vento alborote, alporice as metáforas dos versos. Sempre haberá metáforas que digan que a vida é coma un asubío que furga por entre a néboa para deitar sobre o niño dunha rula. Sempre haberá versos que rimen un desexo cun alento e un socorro cun reforzo. Un reforzo de tenrura, de aprecio. Un reforzo eterno. Oxalá a eternidade asente sobre as cadeiras da alma. Oxalá os soños canten as verdades que flúen entre noites cheas de insomnio e de silencio. Medo a que o ceo deixe de ser azul ou branco. Medo a que sobre o universo só se vexa negrura ou escuridade ou mingalla. Co bonito que é contemplar batas brancas que ondean polo firmamento dunha paixón.

Finca Fierro. Domingo, 11 de marzo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario