domingo, 4 de noviembre de 2018

BOAS E MALAS COMPAÑÍAS

Alí está; a filla do Balduíno contemplando o mar. O de contemplar o mar é un dicir, pois Palmira Referente Palma, a filla do Balduíno, o que estaba a facer era loitar contra os seus pensamentos que lle estaban furgando na cabeza. Escapara da casa e nin ela mesma sabía moi ben por que. Quería pensar que fora pola agarrada que tivera con súa nai, a Quitera do Raposo, cando esta se decatou de que Palmira non andaba en boas compañías. Enténdase isto como... naqueles tempos do século pasado. O de boas e malas compañías levábase moito.
Pero a rifa non fora máis alá de catro ou cinco palabras nun ton algo forte e un ou dos berros que saíran da boca de Quitera Palma. Nada máis. Pero á rapaza déuselle por botarse a correr e agora estaba contemplando o mar. Perdón, estaba remoendo os seus pensamentos. Doíalle que os seus pais pensasen que Caetano Etrusco Laretas era unha mala compañía. É certo que este si andaba con, chamémoslle, malas compañías, pero cando chegaba á súa beira, o seu Piturriño portábase coma un namorado inocente. Uns pasos interromperon os pensamentos da filla do Balduíno. Cando viu que era o seu Caetaniño sorriu, abrazouse a el e marcharon para a aldea. Atrás quedaba o ruído do mar.

Finca Fierro. Domingo, 4 de novembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario