viernes, 2 de noviembre de 2018

NON SON NINGUÉN

Son o asubío que furga por entre as xestas e os codesos do monte Medo. Son a ferruxe que cría o ferro cando o tempo pasa sen facer ruído. Son o que escoita ese jazz polo que empreño de melancolía baixo os acordes de trompeta e saxofón de Miles Davis ou John Coltrane. Son o ruído da auga do río Arnoia que pasa en silencio pola burga de Baños de Molgas. Son a pinga de orballo que cae sobre as letras dunha canción que nunca compuxen pero que sempre está aí. Son o pensamento que vai e vén polas noites escuras e polos soños dun tempo nos que nada acontecía e nos que acaecía de todo. Son o sorriso que asoma cando a broma está nun santiamén de converterse nunha gargallada. Son eu o que ri. Son eu o que chora. Son eu o que berra. Son o que berra por aquilo que escorrega, que esvara dunha conciencia corrupta e miserenta. Son o que mira por un refrán que conta a verdade. Son o que escribe unhas liñas nas que se debuxa a realidade dunha sociedade completamente cega. Son o que enxerta a soidade sobre un longo tema de Vangelis. Son o que estou aquí. Por min. Para vós. Son o que baila por entre os pés dos canastros da Aira de Arriba e o que senta no mazadoiro da burga. En resumidas contas, non son ninguén.

Finca Fierro. Venres, 2 de novembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario