miércoles, 19 de diciembre de 2018

APROVEITANDO AQUEL SILENCIO

A febre pola lectura tívena sempre. E moita xente sábeo ben. Pero o que quizais non saiban é que houbo unha época, principalmente na mocidade, que buscaba lugares inverosímiles para ler sen que ninguén me molestase. Hai libros ou lecturas que merecen moita concentración. Sendo rapaz cheguei a fuxir dos amigos cando iamos para o monte coas vacas: se eles collían para o monte de Pinouzos, eu seguía cara ó Medo, ou cara ás fincas propias ou arrendadas. O caso era andar só.
Pero tiven unha etapa na que cheguei a largar para o cemiterio. Como o digo! Porque aí non me molestaba ninguén. Silencio completo, total. Algún grallar dalgunha pega e nada máis. Si, é verdade que a alguén lle poida semellar algo macabro isto. Pero, por que? Eu sentaba no borde dun nicho, non molestaba a ninguén e os mortos tampouco me molestaban a min. No cemiterio respecto, pero nunca medo. É máis, ata creo que eles saían tamén ganando. Porque, quéirase que non, algún recordo sobre eles sempre asomaba á miña cabeza. Ás veces o ruído da casa ou da rúa era molesto para os titulares dos periódicos ou para os parágrafos dos libros. Como non ía entón aproveitar aquel silencio!

Finca Fierro. Mércores, 19 de decembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario