domingo, 23 de diciembre de 2018

PEGARSE COMO UNHA CARRACHA

A moza Rafaela Garda Suárez, ou sexa, a filla do Cantamañanas, corría pola estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres e cando chegou á altura da ponte do Medo ou Ponte das Cabras, optou por sentar nunha pedra da caldeira que viña dos Lamas. Mentres Rafaela Garda colle folgos podemos dicir que é tan guapa que o seu resplandor afoga ás propias sombras dos amieiros do río Arnoia. Quizais por iso, por esa fermosura, nun airiño, sentou á súa beira Ignacio Fogoso Lumbreira, é dicir, o fillo da Satira. Tamén viña de correr e suaba a chorro. A filla do Cantamañanas, tan axiña como o sentiu, xa soubo ó momento quen era. Levaba máis dun ano que se pegaba a ela como un isqueiro ou como unha carracha, que é máis ou menos o mesmo. Ela sabía que era guapa. Ela sabía que o fillo da Satira era como era e, dentro do que cabe, aguantaba, soportaba o “acoso”; pero tamén se cansaba da maldita carracha. Así é que, con boas palabras, Rafaela díxolle que non falase moito, que non oía coa música que levaba nos auriculares. E sen máis, ergueu e seguiu correndo con dirección a Os Milagres. Ignacio Fogoso, aínda que era como era, deuse de conta do asunto, baixou a cabeza, ergueu e tamén se botou a correr, pero cara á Baños de Molgas. Levaba un triste mirar.

Finca Fierro. Domingo, 23 de decembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario