martes, 25 de diciembre de 2018

O REI

O rei é moito rei. O rei dos hunos. O rei dos sometidos. O rei dos aleutos. O rei do universo. Eu quero ser rei, pero o rei dos astronautas. Temos un rei que pide, aconsella, di, pero... e pensa? Temos un rei que vai e vén por entre os ditados duns e os desexos doutros. Eu quero ser rei, pero o rei dos iletrados, dos mansos. E quero sentar no trono dun reino imaxinario. Co bonito que é soñar esperto!
O rei é moito rei. O rei dos suevos. O rei dos fundidos. O rei dos touros vencidos e das vacas fanfurriñas. Temos un rei que viaxa en limusina polas estradas dunha vida amorfa e con cunetas cheas de barbarie. Temos un rei que sobe en ascensor cara á unha poltrona que está alá arriba, moi arriba. Eu quero ser rei, pero o rei dun reino que está máis alá do infinito. Moito máis alá. O rei é moito rei. O rei dos alanos. O rei dos parvos. O rei dos listos. O rei dun cacho de terra que está sen arar. E non hai bois que se poidan xunguir nin aradiños de pau que furguen polas marxes do seu reinado. Eu quero ser rei, pero o rei dos marcos das leiras. Para que ese rei que é moito rei non se pase nin un rego. Eu quero ser rei, pero o rei deses que pensan que non deberiamos ter rei.

Finca Fierro. Martes, 25 de decembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario