lunes, 24 de diciembre de 2018

TOLEA A ILUSIÓN DUNHA ETERNIDADE

Tolea o sol por cantar unha canción, pero é a lúa a que se impón. Tolean os sentimentos por choutar neste Nadal melancólico, pero a realidade é un ir e vir por entre as carballeiras da memoria. Cando pase polos Castros verei a lúa vella no seu máximo esplendor e será entón cando deixe escapar esa canción que lle roubo ó sol. Mentres, Aretha Franklin méteseme dentro cunha noite de paz que me mantén pegado a un soño invernal.
As noites xa non son como eran. Os días sempre furgarán por entre os recunchos da lembranza e os recordos camiñarán polos carreiros dos tempos que se foron e que xa nunca volverán. E será Elvis Presley o que poña a cada un no seu sitio cun “Silent Night” tan nostálxico que os ollos queren brillar nesta noiteboa que está a piques de entrar. Pero, por agora, aínda hai silencio nas almofadas das utopías. Tolea o verso por botarse fóra do poema, pero é o poeta o que o prende na asonancia da anterior estrofa. Tolea a ilusión dunha eternidade que navega por entre as nubes brancas dun firmamento no que apousento todo o meu tempo, todo o meu mundo. Tolea o silencio para poder escapar do ruxido.

Finca Fierro, Luns, 24 de decembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario