viernes, 21 de diciembre de 2018

O SILENCIO PERPETUO

Vexo A Coruña, vexo Lugo, vexo Ourense e vexo Pontevedra. Vexo a miña terra desde a Estación Espacial Afastada. Porque está lonxe. Pero aínda así vexo a miña terra. E se obrigo un chisco ós ollos ata consigo ver Baños de Molgas, que é o máximo da miña terra. Recoñezo que vexo a miña vila grazas á torre da igrexa de San Salvador. Os seus 30 metros destacan, fanse ver. Incluso desde a Estación Espacial Afastada. E vendo a igrexa de Baños de Molgas intúo o que foi a miña casa, a miña infancia, a miña vida.
Levo cinco anos encerrado nesa Estación Espacial. Eu só. Baixo unha soidade algo ruidosa por culpa de todos os aparellos que teño ó meu arredor. Aínda que, iso si, cando me apetece (que é moitas veces), pégome coma un chuliño un paseíño polo espazo, fóra da Afastada. E entón si, entón xa a felicidade flota polas miñas entrañas, porque, aí si, aí a soidade é absoluta, total. O silencio perpetuo. O silencio preñado de romanticismo. Cando se me dá (que tamén se me dá moitas veces), déixome ir, déixome ir, déixome ir e entón si que consigo ver a rúa da Igrexa de Baños de Molgas. A miña rúa. A éxtase. Logo destes paseos volvo cun sorriso nos beizos e encérrome na EEA coa melancolía brillándome nos ollos.

Finca Fierro. Venres, 21 de decembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario