viernes, 28 de diciembre de 2018

EU, UN SERVIDOR

Mentres a auga baixa polo río e o 69 punto g de Sabina asalta unha cociña, eu, un servidor, vivo porque vivo en min e non na carreira da Lama, por exemplo. Non é fácil vivir nun mesmo. Os propios diaños, ás veces, fanme unha falcatruada. Menos mal que só é ás veces. Eu, un servidor, son de risa fácil e cando quere asomar o demo mándoo para o Parlamento, que alá ten ben con quen pelexar.
Case sempre me obedece, polo que quedo feito un abril. E cando chega o maio, o mes das flores, xa río a cachón por entre os toxos e as xestas de calquera lugar do monte Pinouzos. Pero eu sigo a quedar co abril. É o meu mes. Será porque nacín nel; non sei. Eu, un servidor, quero e vivo feliz porque si, porque me dá a gana. Xa sei que a felicidade non existe, que tan só existen eses momentos nos que te atopas na gloria e xa pensas que alcanzaches a felicidade eterna. Mentres a auga segue correndo polo río e o jazz de Wes Montgomery se me sobe á chepa do entendemento, eu, un servidor, vivo para quen así o desexe e non me custa nada sorrir e rir incluso a un tempo porque vivo feliz, aínda que a miña vida ande ás topadas, a trancas e barrancas. Como a dos demais. Pois non son especial. Son simplemente eu, un servidor.

Finca Fierro. Venres, 28 de decembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario