Dicía
Víctor Hugo (que era un home moito máis listo ca min) que “a
melancolía é o pracer
de estar triste”. A
Noiteboa penso que é unha noite melancólica, é dicir, case triste.
Si, hai xuntanzas familiares, pero precisamente por iso, por ser
familiares, ás veces vólvense tristes porque case sempre hai alguén
que nos deixou. E se tiramos polo outro lado do rego, ou sexa, por
esas ceas familiares
que, tamén algunhas veces, acaban coma o rosario da aurora,
xa non digo nada. Non
hai nada peor que as liortas familiares. É verdade, hoxe non é o
día apropiado para falar diso. Xa bastante chega con que asomen
algunhas veces. Hoxe, aínda que a melancolía sexa o pracer de estar
tristes, deixemos que nos invada, que nos
anegue tal melancolía. Que será triste,
pero é bonita, ten o seu aquel. Coma o Nadal. Cada
vez máis xente rexeita estas festas, pero no fondo-fondo recoñecen
que ten o seu aquel... quizais o ambiente, quizais as iluminacións,
quizais as xuntanzas... O
que si ten de verdade é o consumismo. Ai deus, que forma de
enganarnos para que no mes de decembro empece xa a costa de xaneiro.
E consumimos, e consumimos e consumimos tanto que, ó final, acabamos
tirando a metade das cousas.
O Nadal tamén
empeza a traer agora a guerra entre O Apalpador e o Papá Noel. Xa
escribín algo sobre isto, pero, insisto: poida que nin por Ourense
nin por boa parte de Galicia asomara nunca este personaxe, pero tamén
digo que só que fose nunha
triste aldea galega na que se celebrase O Apalpador, xa sería moito
máis auténtico que todos os Papás Noeles anglosaxóns xuntos. En
algunha aldea tivo que haber porque ninguén aparece así
coma por arte de
encantamento. E
que non asomen
por aí mexericas
dicindo que os nacionalistas están a impoñer a ese Apalpabarrigas,
cando levamos xa case ou sen case
un século escravizados polo Papa Noel. Tampouco
é de estrañar que na nosa terra se lle dea para atrás ó auténtico
para apousentar na poltrona ó de fóra. Algo así moi semellante
como á lingua, por exemplo.
Teñamos
a festa en paz. Desde
este recuncho, eu son o primeiro en desexarlles a todos moito ben,
moita paz, moito amor, moitos soños e moitas desas caralladas das
que ás veces recuamos, pero cando chegan deixamos que a felicidade
nos empreñe a alma. Bo Nadal.
Finca
Fierro. Sábado, 22 de decembro de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario