Aínda
que no inicio da gala de clausura da 23 edición do Festival de Cine
de Ourense o protagonismo da mesma era para a miña feisbuqueira Olga
Brañas dándolle ás teclas do piano e para Susanna Blanco pasando a
variña máxica polo violonchelo,
a realidade foi outra. A realidade foi que alguén lles roubou o
protagonismo a estas inmensas artistiñas
que coa súa marabillosa música acompañaron as imaxes dunha
película muda de Charlot: Este foi, ou sexa, don Charles Chaplin o
que, pouco a pouco, se apoderou dos sorrisos, primeiro, e das
gargalladas, despois. Ó principio pareceume que a xente se contiña
por respecto a Olga e a Susanna. Eu tamén. Porque a actuación era
para elas. Pero é que Charlot... Charles Chaplin brilla
moito máis que as estrelas do firmamento.
E vendo a
peliculiña, e vendo a Charles Chaplin, e vendo o
personaxe de Charlot, e sentíndoo moito pola pianista e pola
violonchelista,
non me queda outra que berrar unha vez máis que tanto as televisións
públicas como as privadas son incompetentes de todo. Levo denunciado
moitas veces que ningunha delas programe
nada de nada daquel cine mudo que facían xenios como Chaplin, Harol
Lloyd, Buster Keaton, o Gordo e o Flaco, etc. Certo, que nin do mudo
nin das obras mestras que se fixeron polos anos 40 e 50. De cando en
vez visiono “O maquinista da Xeneral”, de
Buster Keaton, e penso que esa película
tiña que ser obrigatoria en todos os colexios. Por
lei deberían de proxectar cine, polo menos unha ou dúas veces á
semana, en todos os colexios e institutos
do país. Porque no cine pódese dicir que están incluídas todas as
artes e materias habidas e por haber. O cine é a sétima arte que
engloba a todas as demais. E aquí, no noso país, en vez de apoialo,
semella que lle estamos dando para atrás.
Volvendo á gala
de clausura do Festival de Cine; chapeâu
para a música desas dúas marabillosas mullerciñas. Os
presentadores, moi ben (que vou dicir, se Rubén Riós xa se pode
dicir que é amigo). A película... a película “O home fiel” é
tan bonita que merece un Fábrica de Soños. E un 10 para a
organización por non deixar morrer os soños cinematográficos da
nosa cidade.
Finca
Fierro. Venres, 7 de decembro de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario