viernes, 11 de enero de 2019

A ALMA ÓS PÉS

Cando hai uns días lin a noticia recoñezo que a collín ó principio con algo de mofa. Resulta que o 48% dos fogares galegos chegan con dificultade a fin de mes. O sarcasmo vén porque sei en que parte de España vivo e sei a forma en que miran para nós; polo que case me parece normal que nos pase o que nos pasa. Case se pode dicir que é lei de vida. Lembrades esa máxima miña de: Galicia é o cu do mundo e Ourense o ollo do cu? Pois iso. Pero xa cando me fixei un chisco na cantidade de 48, axiña asimilei que iso é coma dicir que a metade xusta dos fogares galegos están a velas vir. Isto xa é moi forte.
Logo, para máis aquel, hai dous ou tres días lin sobre a forma de sobrevivir dalgunhas persoas que me deixaron abraiado. Non esaxero ó dicir que cando lin algunhas frases, estas tiráronme para atrás, puxéronme teso sobre a cadeira na que estaba sentado. Un dicía que se apañaba coa luz da tele para aforrar a outra. Outro: que se deitaba ás sete ou oito da tarde/noite tamén para iso, para aforrar luz. O da calefacción... nin de carallada! O calefactor consiste, iso si, en mantas e máis mantas sobre un. Moitos: que ceaban as sobras do xantar para non cociñar dúas veces. Deixei de ler para que non se me fora a alma ós pés.

Finca Fierro. Venres, 11 de xaneiro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario