A
xente quéixase do frío. Pero non vai frío.
Simplemente hai xeadas de varios graos
baixo cero. E que? Lembro aquel frío da infancia que te deixaba
case ou sen case
conxelado, principalmente cando chegaba o momento de meterse na cama.
Sen calefacción, casas de pedra, casas vellas polas que entraba o
aire por todos os buracos habidos e por haber. E vaia se había
buracos! Non valía que durmises por enriba da corte das vacas (que
si era a calefacción daqueles tempos), porque a humidade que había
naquela roupa, naquelas sabas... iso si era de heroes! A única
vantaxe era que non desfacías para nada a cama. Tal como te metías,
alí quedabas, acochadiño coma un lagarto invernando. E
non valía que botases unha manta enriba doutra; o único que
acadabas era peso e máis peso encima. Porque o que se di abrigo...
Aquela humidade si que penetraba nos ósos. Por iso todas as noites
(como tampouco había a música que agora se nos mete nos oídos por
toda clase de auriculares) se levaba a cabo o típico concerto de
dar dente con dente, de bater as queixadas.
Aquela forma de aterecer!
Aquela forma de tremelicar!
Iso si era o frío. E non o de agora. Que nos
queixamos de vicio.
Lembro
que nos recreos da escola saiamos coma fume de carozo para lanzarnos
de súpeto, sen xeito nin modo
sobre a presa que había nos Cachós, no río Sor ou de Maceda, xusto
por debaixo mesmo do que hoxe é o concello. Aquilo si que era un río
conxelado! E faciamos competicións de a ver quen esvaraba
máis. Notábase
a leguas que non tiñamos medo de que o xeo, o carambelo escachase.
Como ía escachar con aquel frío, con aquela dureza! O
mesmo podo dicir das fontes e regatos conxelados
e daqueles
carambelos que colgaban dos tellados. Cando viamos estes, case non
deixabamos ningún, pois axiña os colliamos para rillalos, comelos
ou chupalos. Quen dixo frío!
Tempo
aquel no que a roupa estaba
máis que gastada ou máis que remendada. O
calzado ás veces roto ou furado por abaixo. Quen tiña antes unha
cazadora, un abrigo
ou gabardina? Case a peito descuberto!
E aquí estamos agora...
queixándonos deste frío seco, con algúns graos baixo cero, pero
con calefacción e demasiado abrigados. Unha carallada de heroes!
Heroes de pouca monta!
Finca
Fierro. Sábado, 12 de xaneiro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario