miércoles, 30 de enero de 2019

MÁIS SAGRADAS QUE NA INDIA!

A incongruencia do ser humano é bestial. O asunto vai de bestas. Aínda que, pregunto: quen é máis besta, o ser humano ou a propia besta? Seguro que ó remate do relato diredes que o ser humano. Algúns condutores ou seres humanos avisaron á Garda Civil de que pola estrada seica andaban vacas soltas. Moi ben. Pero aí vai a incongruencia: eses condutores ou seres humanos estou por apostar que se se atopan en Asturias, por exemplo, e se encontran con vacas polas estradas (que as hai a moreas), ínchanse a facerse fotos ou autorretratos. Verdade que si?.
Falo claro: as vacas teñen todo o dereito do mundo a andar por onde queiran. Porque elas estaban moito antes cos coches. E así pasa con todos os animais. Estamos a botalos fóra do seu medio. Cada vez hai máis estradas. Cada vez hai máis incendios. Cada vez hai máis cortas de leña. Cada vez rabuñamos máis e máis nos seus ecosistemas. Despois chega outra incongruencia: ai canto botamos de menos esas especies que se extinguiron! Sigo co asunto das vacas... precisamente en Galicia avisamos á Garda Civil por culpa dunhas vacas! Elas, precisamente elas, tiñan que ser aínda máis sagradas que na India! Foron as que sostiveron sempre este noso pobre país! A nós si que nos tiñan que botar deste hábitat e mandarnos ó cabo do mundo ou ó lado escuro da lúa.

Finca Fierro. Mércores, 30 de xaneiro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario