sábado, 19 de enero de 2019

PORTENTO DO SABER MUSICAL

O programa Discópolis de Radio 3 de Radio Nacional de España ten unha hora de duración. Tan só o podo escoitar durante media hora, que, máis ou menos, é o tempo que me leva en percorrer en coche o traxecto que vai de Maceda á Finca Fierro. O xoves pasado aconteceume exactamente iso; que tan só puiden prestarlle atención á radio desde as dúas e media ata as tres da tarde. Pero esa media hora foi suficiente para que alucinara con Carlos Núñez. Si, o gaiteiro. A ver, eu coa música de Carlos Núñez xa hai moitos anos que aloulo, que pasmo. Pero non lle coñecía a súa faceta, chamémoslle, oral. Algunha vez o oín falar, pero tan só para quedarme co seu ton de voz. Non obstante, o xoves... é que nin lle deixaba meter baza ó presentador ou locutor Luis Miguel López. E isto non quere dicir que Carlos Núñez fose, sexa pesado. Que va! Simplemente que falaba de tal maneira que se notaba ás leguas que amaba a música, que estaba a dar unha auténtica lección de música celta e medieval. O mesmo podo salientar cando falaba de persoas ou personaxes relacionados co folk, en particular, e coa música, en xeral. Menos mal que remataba o programa cando cheguei á casa, que se non, veríame na obriga de quedar no coche para seguir escoitando a ese portento do saber musical.

Café Londres de Celanova. Venres, 18 de xaneiro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario