viernes, 18 de enero de 2019

BERRO DE CARRAXE

Noto o silencio na galaxia da fantasía e un berro seco sae das entrañas durmidas para proclamar polo espazo sideral que a sociedade está apodrecida. Berro polas ánimas que asoman entre o lusco e fusco dunha utopía que vai e vén por entre os pensamentos duns intelectos enfermos. Sempre haberá mentes que van máis alá dunhas ideas desmembradas ou putrefactas. Berro entón polo sangue que corre por entre os versos dunha oda e por entre as corredoiras dun lugar apócrifo.
Berro para rachar o silencio. Berro para rebentar un planeta, un mundo, unha inmensidade. Noto o silencio no recanto escuro da alma. Porque hai escuridades que me envurullan, que me enxertan o medo e tremo de ansiedade polo que non vexo, polo que non sei. Berro no recanto escuro dunha ficción para poder espertar do acomodo, do sopor. Non obstante, a modorra sosega a inercia dunha intranquilidade que está aí, aínda que non se vexa. Quizais sexa unha nave espacial a que rompa o silencio neste universo infindo, perenne. Como non vexo ningunha nave espacial, deixo entón que sexa o meu berro, o meu berro seco o que esgace ese mutismo ou esa neglixencia dunha irmandade humana completamente amorfa. Berro desde unha carraxe moi fonda.

Finca Fierro. Xoves, 17 de xaneiro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario