viernes, 25 de enero de 2019

O CARBALLO VELLO DAS MESTRAS

O carballo das Mestras marca o tempo e Sabina Tálica Codeso senta á súa sombra. Cun caxatiño furga no chan debuxando as veas abertas dunha soidade que a está oprimindo. Por pouco tempo. Na distancia ve ó seu noivo e alporízase acenándolle para que a vexa. Maeloc Bispo Xesta axiña dá con ela porque xa intuía a súa posición. Bótase a correr. O tempo, en cuestión de amores, adoita ser curto. Ou longo, todo depende.
Logo duns biquiños, Sabina dille a Maeloc que sente, que el contemple o río Arnoia e que ela escoitará o ruxerruxe da auga. E quedan en silencio os dous, abrazados ó carballo vello das Mestras. Notan a rugosidade do pasado, da lonxevidade de tal maneira que alzan as súas olladas e ven a forza dun tempo eterno, de dous camiños con dirección á inmensidade, a unha vida que crecerá ata o infinito e máis alá. Maeloc Bispo colle a man de Sabina Tálica para pousala no seu peito. Ela abre os ollos e acórase ante a forza dos latexos del. Deixa de escoitar o ruxerruxe da auga. Maeloc deixa de contemplar o río Arnoia. Agora atravesa os ollos dela. Con disimulo acariña a engurra, o pregue da casca do carballo vello das Mestras. Collidos das mans atravesan o río Sor para a Ansuíña. Hai carballos que te xonguen a unha felicidade eterna.

Finca Fierro. Venres, 25 de xaneiro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario