jueves, 9 de septiembre de 2021

A CAÍDA QUE NON FOI

Case me fun contra un coche, pero ó final non caín. Souben manterme dereito, firme e teso coma un bidueiro vello. Algunhas veces fállame a osamenta e cambaleo coma se fora un borracho. Eu, que son abstemio. Outras veces o que me falla é o entendemento, pero iso é outra historia. Quero pensar que me cambaleei por culpa dunha vaga de calor, aínda que na realidade está nubrado de carallo. Está tan nubrado que non sei se non tardará en caer. En caer auga a chuzos, se entende. Ou sarabia; vai ti saber.


Se non foi unha vaga de calor (que case aseguro que non foi), non sei que demo puido ser para case caer contra un coche. Sei que naqueles momentos ía pensando, polo que confirmo que o meu entendemento era bo. Porque pensaba cousas con sentido, coma, por exemplo, que podería escribir cando me atopase sentado nunha terraza e ante un café? Para ter este pensamento tan longo hai que ter cento entendemento. Creo eu.

Non caín contra o coche, pero tamén pensei (outra vez máis o entendemento funcionando) nos efectos se realmente chegara a caer contra o vehículo. En primeiro lugar, o trompazo era fixo. E despois dependería de como fose a zoupada, o golpe. Porque, iso si, a sorte (de haber caído) era que o coche estaba parado, estaba aparcado á beira da beirarrúa, valla a redundancia. Si, mellor é deixar o asunto. Non sei para que complico o pensamento ou o entendemento se, na realidade, nin antes nin agora mesmo cheguei a caer.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 31 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario